Noticias

A CANTEIRA DO PEÑA TREVINCA, FINALISTA DOS PREMIOS +DEPORTE/LA REGIÓN OURENSE 2017

Despois dunha década de traballo vanse recollendo pouco a pouco froitos do esforzo de tantas persoas implicadas neste proxecto vivo que é a Sección de Orientación do Club Peña Trevinca-Barco, nominada por primeira vez como finalista na XVI edición dos Premios +Deporte/La Región en Ourense 2017, na categoría de Mellor Escola Deportiva, despois dunha votación moi reñida. Os gañadores finais coñeceranse na gala do 20 de decembro, que terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense.

Esta nominación ven despois dunha excelente tempada dos xóvenes do Trevinca, que ademáis de acumular podiums nos campionatos autonómicos e na liga galega, tamén tiveron un papel destacado en competicións internacionais como o Campionato Ibérico. Ademáis, como colofón a este estupendo 2017, proclamaronse gañadores do ranking da liga galega de clubes no apartado de xóvenes, despois de manterse todo o ano en cabeza.

Queremos facer partícipes desta ledicia, especialmente á Asociación Deportiva Limiactiva, que coa súa organización de probas de Copa Deputación de Ourense nos últimos anos, ten axudado na captación e tecnificación dos xóvenes do noso club. Como non, tamén compartir este éxito con toda a FEGADO e a FEDO, que grazas aos sucesivos campus e ás diversas actividades de tecnificación promovidas dun tempo a esta parte, fan que a nosa canteira teña unha situación máis que saudable. Non podemos esquecer a importante promoción que teñen suposto as probas escolares organizadas polos clubes FEGADO en colaboración coa Xunta de Galicia durante a última década, como grande aliciente e elemento de incorporación ao noso deporte de todos estes practicantes noveles. Ánimo, e a seguir así.

A ORIENTACION MEDRA!!!

Adxuntos