Noticias

GALICIA PROCLÁMASE CAMPIOA DE ESPAÑA DE MTBO

Badajoz acolleu a pasada fin de semana o Campionato de España de MTBO 2024, que estivo ao cargo da Federación Extremeña (FEXO) e o Club Alcor.

Galicia proclamouse Campioa de España na clasificación por comunidades autónomas; mentres que por clubs, O Pasatempo Betanzos recolleu a medalla de ouro e o Club de Orientación Compás a de prata.

A competición estivo formada por tres probas: sprint, longa e media, todas puntuables para o ranking nacional e o sprint e a media tamén para o ranking mundial de veteranos (WMS) e de xoves (YGWS).

No SPRINT celebrado o sábado 20, Sofía Martínez (Club Orientación Compás) proclamouse campioa en F20, Tania López (Xesteiras) fixo o propio en F40 e Francisco López Costoya (O Pasatempo Betanzos), Sonia Gómez e Francisco Varela (ambos do Club Orientación Compás) tamén recolleron o ouro en M50, F50 e M60, respectivamente. Pola súa banda, Lía Rodríguez (Club Orientación Compás) e David Casado (O Pasatempo Betanzos) foron subcampións en F15 e en M50. A medalla de bronce en M15 foi recollida por Martín Casado e en M17 por Mario López (ambos de O Pasatempo Betanzos), mentres que na categoría F17 a terceira foi Sara Nogueras (Club Fluvial de Lugo) e en M60 José Selga (Raza Palleira). Finalmente, a nosa deportista de FE Mar Delgado (O Pasatempo Betanzos) logrou a quinta posición.

A tarde do sábado disputouse a DISTANCIA LONGA. Nesta ocasión, Lía Rodríguez e Sofía Martínez recolleron o ouro en F15 e F20, mentres que os campións de F40 e M60 foron Alicia Pérez (Raza Palleira) e Francisco Varela. Mar Delgado proclamouse subcampioa en FE e Aaron Rodríguez (O Pasatempo Betanzos) e Sara Nogueras en M15 e F17. Pola súa banda, Rodrigo Rodríguez (Club Orientación Compás), Francisco López e Sonia Gómez tamén lograron a prata en M40, M50 e F50, respectivamente. Martín Casado e Mario López foron de novo terceiros nas súas categorías M15 e M17 e en F15 e F50 os terceiros postos foron para Noa Rodríguez (Club Orientación Compás) e Mª Esther Barreira ( O Pasatempo Betanzos).

O CEMTBO depediuse o domingo 21 coa DISTANCIA MEDIA. Nesta ocasión, Sofía Martínez recolleu o seu terceiro ouro da fin de semana en F20, mentres que Tania López, Francisco López Costoya e Sonia Gómez tamén foron campións en F40, M50 e F50. Aarón Rodríguez foi subcampión en M15 e Lía Rodríguez na categoría feminina, mentres que Sara Nogueras recolleu a prata en F17 e Francisco Varela en M60. Mª Esther Barreira logrou outro bronce en F50.

Dende a FEGADO trasladamos os parabéns unha vez máis a tod@s @s nos@s deportistas polos magníficos resultados obtidos.

Os resultados completos, así como o streaming de YouTube das probas, os percorridos en Livelox e toda a información están dispoñibles neste enlace.