Noticias

GALICIA ACOLLEU A PASADA FIN DE SEMANA O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE RAIDS DE AVENTURA

Os pasados 26 e 27 de xuño o Club Cornelios Raiders organizou nos concellos pontevedreses de Salvaterra de Miño, As Neves e Arbo o VI Raid do Condado-Marqués de Vizhoja, no que se disputou o Campionato de España de Raids de Aventura e a terceira proba da Liga Galega de Raids de Orientación, ademais de ser a terceira proba puntuable para o ranking nacional.

As categorías superiores tiveron que completar en total unha distancia de 185 km en tres etapas, sendo a segunda delas nocturna, formadas por seccións de trekking, BTT, kayak e probas especiais en rocódromo.

Na categoría Élite os tres primeiros postos do CERA foron para equipos galegos. Os integrantes do Brigantia Adventure Race (Teresa Barreira, José Antonio Torviso e Ángel García) proclamáronse campións de España, mentres que a medalla de prata foi para o Endurance II Club Orientación Coruña (Saleta Castro, J Sancosmed e Adrián Moreira) e o conxunto Fluvial Lugo- Os Barbas (Luisa Felpeto, Alberto Corral e Juan Combarro) quedou en terceira posición.

Por outra banda, en Aventura Mixta o equipo Club Fluvial Lugo- @s Castrex@s (Diego Indalecio Fernández, Sandra Fernández e José Manuel Nogueras) conseguiu o quinto posto.

Ademais, nesta terceira proba da Liga Española de Raids de Aventura, en Aventura Masculina o equipo Aromon Ksinfro (Xoel Chamorro e Mario Vázquez) conseguiu a medalla de bronce; mentres que na categoría Xuvenil o segundo posto foi para Los Oscarcitos (Carlos Romero, Marcos Silvarrey e Sofía Martínez).

Agradecemos ao club organizador todo o traballo realizado, que fixo posible reunir a orientadores/as de toda España cumprindo sempre coas medidas establecidas polo Portocolo COVID.

Parabéns a tod@s!


Achegamos o enlace á páxina web da organización, onde podedes consultar máis información, así como os resultados completos.