REMATA O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE ORIENTACIÓN A PÉ
A localidade turolense de Albarracín acolleu esta fin de semana o Campionato de España de Orientación a Pé, que congregou a máis de 1300 deportistas de todo o país.
A mañá do sábado 25 disputouse a DISTANCIA MEDIA, na que Lucía Parga (Club Fluvial de Lugo) conseguiu a medalla de bronce na categoría FE, mentres que Sonia Gómez (Club Orientación Compás) acadou tamén o terceiro posto en F45 e Rosa María Pernas (Club USC) rematou en primeira posición en F60. Nas categorías masculinas, Mateo Rodríguez (Club Aromon de Pontevedra) levou a medalla de prata en M18E e David Casado (Club O Pasatempo Betanzos) conseguiu o ouro en M45.
O SPRINT disputouse o sábado pola tarde e nas categorías femininas Sofía Martínez (Club Orientación Compás) e Rosa María Pernas (Club USC) acadaron a medalla de ouro en F16E e en F60, respectivamente, mentres que Sonia Gómez (Club Orientación Compás) rematou en segunda posición en F45. Por outra banda, en M16E Nicolás López (Club O Pasatempo Betanzos) foi o primeiro clasificado e Xián Novoa (Club Aromon de Pontevedra) rematou en terceira posición. Mateo Rodríguez (Club Aromon de Pontevedra) foi subcampión en M18E e Iván Somoza (Club Gallaecia Raid) alzouse coa medalla de ouro en M45.
O domingo 26 celebrouse a DISTANCIA LONGA, onde Sofía Martínez (Club Orientación Compás) e Rosa María Pernas (Club USC) repetiron primeira posición nas súas respectivas categorías.
Tendo en conta os resultados das tres probas, Galicia foi a décima clasificada por comunidades autónomas.
Dende a FEGADO enviamos os parabéns aos 53 orientadores/as galegos/as que se desprazaron esta fin de semana á comunidade aragonesa. Agradecemos tamén o traballo do club IBÓN Orientación na organización deste evento e no cumprimento dos protocolos COVID-19 impulsados pola FEDO e polo CSD.
Podedes consultar nos enlaces adxuntos os resultados completos, así como os percorridos GPS en TracTrac e os mapas en O-Track.