Noticias

FINALIZA A LIGA ESPAÑOLA DE ORIENTACIÓN A PÉ CO 33º TROFEO INTERNACIONAL COSTA CÁLIDA

A Liga Española de O-Pé 2021 despediuse en Murcia a pasada fin de semana co 33º Trofeo Internacional Costa Cálida Orientación, que tamén foi puntuable para o ranking mundial (WRE).

O sábado 4 pola mañá disputouse a distancia media, pola tarde celebrouse o sprint e a competición pechou o domingo 5 coa distancia longa.

En canto aos resultados globais, Sonia Gómez Naya (Club Orientación Compás) foi a primeira española clasificada en F45, Ángel Álvarez Serto (Club Aromon de Pontevedra) acadou a medalla de prata en M40, mentres que Mónica Figueroa Leiro (Club Aromon de Pontevedra) conseguiu a quinta posición en F35A e Lucía Parga Basanta (Club Fluvial de Lugo) tamén se clasificou como quinta española en FE.

Paralelamente á competición, a FEDO sumouse o sábado á iniciativa do Proxecto Libera "1m2 polo campo, os bosques e o monte", unha actividade na que participaron varios orientadores/as liberando de basuraleza os espazos naturais na zona da carreira.

Coincidindo tamén coa competición, a Casa da Cultura de Alhama de Murcia acolleu a "I Xornada de Orientación Inclusiva", actividade impulsada polo Comité de Orientación Inclusiva da FEDO. Neste contexto, o domingo disputouse o "I Open de Orientación Inclusiva Murcia Costa Cálida", un sprint para persoas con algún tipo de discapacidade funcional, física e/ou psíquica. A proba permitía, por exemplo, a participación de persoas cegas a través da lectura en braille de parte do mapa.

Dende a FEGADO apoiamos ambas iniciativas e destacamos a importancia de seguir traballando conxuntamente para que a orientación sexa cada vez un deporte máis inclusivo e respectuoso co medio ambiente. Trasladamos tamén os parabéns aos nos@s deportistas e agradecemos o traballo da Federación Murciana de Orientación.


Achégase o enlace ao perfil de YouTube da FEDO, onde se poden atopar os vídeos das tres probas que se retransmitiron en directo. Achéganse tamén os resultados completos e os percorridos GPS a través de TracTrac.