GALICIA GAÑA POR SÉTIMO ANO CONSECUTIVO O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE MTBO
A localidade de Huerta del Rey (Burgos) acolleu a pasada fin de semana o Campionato de España de MTBO, no que Galicia logrou ser a comunidade autónoma gañadora por sétimo ano consecutivo.
O sábado 24 de xullo disputouse a DISTANCIA MEDIA, onde Sofía Martínez (Club Orientación Compás) conseguiu a medalla de ouro na categoría F17, mentres que en F40 a campioa foi Cristina López (Club Gallaecia Raid), seguida de Yolanda García (Club Gallaecia Raid). En F50 Paulina Mosquera (Club Gallaecia Raid) conseguiu o bronce, en F60 Mª Ángeles García (Club Universidade de Vigo) rematou en segunda posición e en FE o terceiro posto foi para Ana Varela (Club Brigantia Aventura).
Nas categorías masculinas, Aaron Rodríguez (Cornelios Raiders) logrou a medalla de bronce en M15 e Marcos Silvarrey (Club Gallaecia Raid) tamén conseguiu a terceira posición en M17. A prata en M20 foi para Javier López (Club Orientación Compás), mentres que Juan Combarro (Club Fluvial de Lugo) e Ángel García (Club Brigantia Aventura) proclamáronse campións nas categorías M40 e ME, respectivamente.
A tarde do sábado celebrouse o SPRINT, no que Eva Casado (Club O Pasatempo Betanzos) acadou o ouro en F15 e Sofía Martínez (Club Orientación Compás) tamén rematou en primeira posición en F17. Na categoría F40 a primeira posición foi para Sonia Gómez (Club Orientación Compás), seguida de Yolanda García (Club Gallaecia Raid) e de Alicia Pérez (Club Aromon de Pontevedra).
Por outra banda, en M17 Marcos Silvarrey (Club Gallaecia Raid) repetiu o terceiro posto, mentres que en M20 o bronce foi para Eloi Serantes (ADC Arnela). Na categoría M40 Iván Somoza (Club Gallaecia Raid) chegou en segundo lugar e en ME Ángel García (Club Brigantia Aventura) conseguiu de novo a medalla de ouro.
Por último, o domingo 25 disputouse a proba de DISTANCIA LONGA, na que os nosos medallistas foron Sofía Martínez (Club Orientación Compás) cunha terceira posición en F17, Sonia Gómez (Club Orientación Compas) que conseguiu o ouro en F40 e Mª Ángeles García (Club Universidade de Vigo) que foi segunda en F60. Nas categorías masculinas Javier López (Club Orientación Compás) rematou en segunda posición en M20, mentres que Juan Combarro (Club Fluvial de Lugo) proclamouse campión en M40 e Ángel García (Club Brigantia Aventura) acadou a prata en ME.
Dende a FEGADO queremos dar os parabéns aos/ ás 72 deportistas galeg@s, en especial aos 32 seleccionad@s, que fixeron posible co seu esforzo e constancia que a nosa comunidade autónoma conseguise un ano máis o ouro neste Campionato.
Agradecemos tamén o traballo realizado polo Club Comelobos na organización deste evento.
Noraboa EQUIPO!!!
Achegamos o enlace á páxina web do evento, onde podedes consultar os resultados completos.