REPRESENTACIÓN GALEGA NAS PRIMEIRAS PROBAS DA LIGA ESPAÑOLA DE MTBO
Extremadura acolleu a pasada fin de semana o Trofeo Extremadura MTBO Tajo Internacional, a segunda proba da Liga Española desta especialidade, con tres probas puntuables para formar parte da selección nacional, nas que participaron 12 deportistas da FEGADO.
O sábado 23 disputouse a proba de media distancia, onde Ángel García (Club Brigantia Aventura) foi o subcampión en ME e Marcos Silvarrey (Club Gallaecia Raid) tamén conseguiu a medalla de prata en M17. Sofía Martínez (Club Orientación Compás) e Sonia Gómez (Club Orientación Compás) lograron o ouro en F17 e en F40, respectivamente, mentres que a terceira posición en F40 foi para Alicia Pérez (Club Aromon de Pontevedra).
No sprint celebrado pola tarde, Marcos Silvarrey (Club Gallaecia Raid) repetiu segunda posición en M17, Ángel García (Club Brigantia Aventura) logrou o ouro en ME e Sofía Martínez (Club Orientación Compás) a prata en F17. En F40 a campioa foi Sonia Gómez (Club Orientación Compás) e a subcampioa Natalia Pedre (Club Orientación Liceo).
O evento despediuse o domingo 24 coa distancia longa, onde J. Sancosmed (Club Orientación Coruña) foi o subcampión en ME, Marcos Silvarrey (Club Gallaecia Raid) conseguiu a segunda posición en F17 e Sofía Martínez (Club Orientación Compás) logrou o ouro en F20. Na categoría F40 tres deportistas galegas completaron o podio: Alicia Pérez (Club Aromon de Pontevedra) acadou a medalla de ouro, mentres que a prata foi para Sonia Gómez (Club Orientación Compás) e o bronce para Natalia Pedre (Club Orientación Liceo).
A estas medallas hai que sumarlles as obtidas polos nosos deportistas os pasados 9 e 10 de abril en Portugal no VI Costa Alentejana MTBO Trophy, a primeira proba puntuable para a Liga Española de MTBO.
Na longa distancia do sábado 9, Ángel García (Club Brigantia Aventura) foi o primeiro español en ME, mentres que a terceira posición nesta categoría foi para J. Sancosmed (Club Orientación Coruña). A prata en F17 e foi para Sofía Martínez (Club Orientación Compás) e en M21A para Jairo Uriz (Club Orientación Coruña). Natalia Pedre (Club Orientación Liceo) foi a campioa en F40 e Javier Arufe (Club Orientación Liceo) o terceiro deportista español en M50.
Na distancia media do domingo, Sofía Martínez (Club Orientación Compás) rematou terceira en F17 e Marcos Silvarrey (Club Gallaecia Raid) foi o campión en M17. En ME a prata foi para Ángel García (Club Brigantia Aventura) e J. Sancosmed (Club Orientación Coruña) foi o terceiro español nesta categoría. Jairo Uriz e Natalia Pedre acadaron a prata en M21A e en F40, respectivamente.
Dende a FEGADO trasladamos os parabéns aos nosos orientadores e orientadoras e agradecemos o traballo dos clubs organizadores.
Achégase o enlace á web da FEXO no que se pode acceder aos resultados completos do evento.