Noticias

A ILLA DAS ESCULTURAS ACOLLEU UN ADESTRAMENTO DE TRAIL-O O PASADO DOMINGO

Este domingo 6 de febreiro celebrouse en Pontevedra un adestramento de Orientación de Precisión, unha especialidade do deporte de orientación que cada vez é máis coñecida e practicada na nosa comunidade. Nela toma protagonismo máximo a capacidade de interpretar un mapa e implica un alto nivel de concentración e esixencia técnica para decidir, de entre varias balizas situadas no terreo, cal é a que aparece representada no mapa.

O enclave foi espectacular xa que se desenvolveu en A Illa das Esculturas, situada en medio do Río Lérez e ademais desfrutando dun día soleado.

O Club AROMON, contando co traballo inestimable de Ángel Serto, organizou un adestramento coa calidade necesaria para formar parte dunha proba de Liga Galega. Constou dunha breve introdución e posterior realización do percorrido con 8 controis en formato Pre-O e un control cronometrado con tres desafíos. Cada participante foi resolvendo cada un, contando con asesoramento e vendo, in situ, as respostas correctas para poder facer un feedback inmediato, o que resultou moi esclarecedor.

Coa asistencia de máis dunha decena de participantes procedentes de diferentes clubs galegos, terminaron esta experiencia con boas sensacións e agradecendo o traballo realizado.

Esta tecnificación e outras vindeiras esperamos que nos permitan enfrontarnos con máis posibilidades de éxito ás catro probas da Liga Galega que terán lugar en cada unha das provincias:

  • 14 de maio en Pontevedra.
  • 4 de xuño en A Coruña.
  • 3 de setembro en Lugo.
  • 1 de outubro en Ourense.

Achéganse unha selección de fotos do evento e unha imaxe do mapa empregado na actividade.

Adxuntos