Noticias

Medallas galegas no Campionato de España Escolar 2019

A pasada fin de semana, as seleccións autonómicas infantil, cadete e sub-17, xunto ós centros escolares clasificados, desprazábanse ata o Val de Ambroz (Extremadura) para participar no Campionato de España Escolar 2019. Tres xornadas de competición, organizadas polas Federacións Extremaña e Española, que incluían unha proba clasificatoria coa súa posterior final e unha proba de remudas mixtas.

As dúas probas individuais, clasificatoria e final, celebrábanase en Hervás, concello da provincia de Cáceres. No referente á selección autonómica, Mateo Rodríguez e Nicolás López proclamábanse campións de España en categoría cadete e infantil respectivamente. Doutra banda, Raquel Queiruga, do IES Porto do Son, lograba a terceira posición individual no cómputo de ambas probas.

Por último, a proba de remudas no concello de Baños de Montemayor pechaba o campionato co triunfo do equipo infantil formado por Sofía Martínez, Nicolás López, Xián Novoa e Eva Casado. Esta posición contribuía tamén á segunda posición da nosa selección infantil no cómputo xeral.

No terreo dos Centros Escolares, para quen as remudas foron unha proba non oficial e na que competiron con rapaces doutros equipos, destacamos as actuacións de Hugo Vicente e David Lago, ambos do IES San Paio, cuxos equipos lograban a prata e o bronce respectivamente.

Dende a FEGADO, felicitamos á tódolos/as participantes, así como ós técnicos/as encargados da nosa mocidade, polo traballo realizado estes días!