Noticias

GUÍA DE BOAS PRÁCTICAS para deportistas na competición: MTBO

O vindeiro 21 de marzo comezará a IX Liga Galega de Orientación en Bicicleta (MTBO) coa celebración da primeira proba da tempada 2021, organizada polo Club Peña Trevinca Barco no Concello de O Bolo (Ourense).

Están inscrit@s 87 deportistas posto que a competición está restrinxida a deportistas con licenza de tempada e residentes en Galicia segundo as indicacións da Secretaría Xeral para o Deporte. Será de aplicación o novo Protocolo FISICOVID-DxT GALEGO na súa actualización de xaneiro 2021 (normativa de obrigado cumprimento).


Sabes cando é obrigatorio empregar a máscara? Coñeces que distancia interpersoal de seguridade debes manter durante a competición respecto doutros deportistas? Haberá dispensadores de hidroxel? Onde? É obrigatorio o uso de tarxeta SIAC? E certo que non se entregarán descricións de controis. Que debo facer se, días despois da proba, teño síntomas ou mesmo un resultado positivo nunha proba diagnóstica de COVID? A quen debo avisar?

Se non tes claras moitas destas respostas, entón é que necesitas botar un ollo a esta GUÍA DE BOAS PRÁCTICAS que está pensada para deportistas de MTBO (e tamén para os seus acompañantes) que participen nas competicións oficiais da FEGADO desta tempada.

Máis info (e máis resumida) nos BOLETÍNS da proba. Non deixes de revisalos de cando en vez.

Resolve calquera dúbida co COORDINADOR/A COVID do teu club.


Desfruta de novo do monte. Con responsabilidade. A FEGADO fixo os seus deberes. O teu CLUB traballou moito. Agora tócache a ti: a túa conducta individual é esencial. Protéxete, protexe aos teus compeñeir@s e respecta aos veciños e usuarios dos espazos nos que terá lugar a competición.

Aplica as medidas preventivas antes, durante e despois da práctica deportiva.

E recorda o de CHEGAR, CORRER e MARCHAR. Evita socializar. Respecta as distancias interpersonais, extrema as medidas de hixiene de mans e materiais e utiliza a máscara adecuadamente.

Benvid@s de novo a este marabilloso deporte.

Saúde e natureza.