Noticias

SUBCAMPIÓNS DE ESPAÑA DE MTBO!

A pasada fin de semana, @s integrantes da Selección Galega de MTBO desprazáronse a Puebla del Río (Sevilla) para competir no Campionato de España de MTBO 2023, organizado polo club Montellano-O e a Federación Andaluza de Orientación.

O sábado 6 de maio na Distancia Media, Sofía Martínez (Club Orientación Compás) foi a campioa en F20 e Noa Rodríguez (Club Orientación Compás) subcampioa en F17, seguida de Eva Casado (Club O Pasatempo Betanzos). Tania López (Xesteiras), Marcos Silvarrey (Gallaecia Raid) e Juan Combarro (Club O Pasatempo Betanzos), lograron as medallas de bronce en F40, M20 e M40, respectivamente.

Pola tarde disputouse o Sprint, onde Eva Casado e Aarón Rodríguez (Club O Pasatempo Betanzos) proclamáronse campións en F17 e M15. Lía Rodríguez (Club Orientación Compás) recolleu a prata en F15, mentres que Sofía Martínez fixo o propio en F20 e Juan Combarro en M40. Diego Silvarrey (Gallaecia Raid) logrou o terceiro posto en M15, ao igual que Mario López (Club O Pasatempo Betanzos) en M17, Marcos Silvarrey en M20 e David Casado (Club O Pasatempo Betanzos) en M50. Pola súa banda, María Esther Barreira e Roberto Chas (Club O Pasatempo Betanzos) tamén conseguiron o bronce en Absoluto Parellas

O evento despediuse coa Longa Distancia o domingo 7, na que Olalla Bello (Gallaecia Raid) logrou a quinta posición en FE. Aarón Rodríguez foi segundo en M15 e Lía Rodríguez terceira en F15. Sofía Martínez acadou o terceiro posto en F20, mentres que Eva Casado, Tania López e Juan Combarro conseguiron o bronce en F17, F40 e M40, respectivamente.

Coa suma dos resultados dos nosos orientadores e orientadoras, Galicia conseguiu a segunda posición na clasificación por comunidades autónomas. Ademais, o Club O Pasatempo Betanzos logrou a prata na clasificación por clubs, seguido do Club Orientación Compás.

Dende a FEGADO trasladamos os parabéns a tod@s @s nos@s deportistas.


Os resultados completos, así como os percorridos GPS, pódense atopar aquí. A información da proba está dispoñible na web do evento e o Campionato pódese revivir de novo na canle de YouTube da FEDO.