Noticias

SEXTA POSICIÓN PARA GALICIA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE O-PÉ 1 EN HUESCA

Esta Semana Santa a provincia de Huesca acolleu o Campionato de España de Orientación a Pé 1. O evento estivo organizado polo Club Peña Guara e a Federación Aragonesa de Orientación e nel participaron máis de 90 deportistas da FEGADO.

O venres 15 disputáronse as remudas clásicas en Ibort (Sabiñánigo), nas que o equipo formado por Fermina Fernández, Yolanda Díaz e Begoña Crespo conseguiu a medalla de bronce en Veteranas C Feminino.

O sábado celebrouse o sprint na cidade de Huesca. Pola mañá tivo lugar unha proba clasificatoria e pola tarde disputouse a final, na que Mateo Rodríguez (Club Aromon de Pontevedra), Ángel A. Serto (Club Aromon de Pontevedra) e Iván Slmoza (Club Gallaecia Raid) proclamáronse subcampións en M18E, M40 e M45, respectivamente. Sonia Gómez (Club Orientación Compás) conseguiu o bronce en F45 e Martín Morales (AD Limiactiva) e Concepción González (Club Orientación Compás) foron os campións en M50 e en F55. Alba Grimaldi (Club Aromon de Pontevedra) logrou a terciera posición en F21B, mentres que Fermina Fernández (Club Fluvial de Lugo) conseguiu a prata en F65 e M. Ángeles García (Club UVigo) o bronce en F60.

Por último, a competición despediuse coa distancia media o domingo 17 de novo en Ibort. Mario López (Club O Pasatempo Betanzos) conseguiu o bronce en M14, mentres que o ouro en M50 foi para David Casado (Club O Pasatempo Betanzos). Concepción González (Club Orientación Compás) foi a subcampioa en F55 e Fermina Fernández (Club Fluvial de Lugo) a terceira en F65

Coa suma de todos os resultados dos nosos orientadores e orientadoras, Galicia conseguiu a sexta posición na clasificación por Comunidades Autónomas. Parabéns a tod@s!

As probas pódense revivir na canle de YouTube da FEDO e tamén se pode acceder aos GPS en TracTrac. Achégase o enlace á web do evento para máis información.