Noticias

CATALUÑA ACOLLEU ESTA SEMANA SANTA AS PROBAS DE BOSQUE DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE ORIENTACIÓN A PÉ 2026

Esta Semana Santa Lles de Cerdanya, no Pirineo catalán, acolleu a fase de bosque do Campionato de España de O-Pé (CEOP), organizado pola Federación Catalana (FCOC), completando así o reparto de medallas trala celebración en febreiro do CEOP urbano en Málaga.

O venres disputouse a media distancia, na que Sira Rodríguez (Club Aromon de Pontevedra) proclamouse campioa en F14, Fermina Fernández (Club Fluvial de Lugo) subcampioa en F60 e David Casado (Club O Pasatempo Betanzos) e Francisco Varela (Club Orientación Compás) foron terceiros en M50 e M60, respectivamente.

Na longa distancia do sábado, Iván Somoza (Club Gallaecia Raid) foi primeiro en M50 e Francisco Varela o subcampión de M60. Nesta ocasión, Sira Rodríguez recolleu o bronce en F14 e David Casado repetiu terceira posición en M50. Destacamos tamén o diploma obtido na categoría FE por Jennie Borgesson (Club Raza Palleira) polo seu cuarto posto.

O sábado pola tarde disputouse tamén unha proba de sprint puntuable para o ranking nacional, onde Iván Somoza foi primeiro en M50, Sonia Gómez e Concepción González (ambas do Club de Orientación Compás) segundas en F50 e F55, respectivamente, e Jana Albarrán (Club Gallaecia Raid) terceira en F16.

Por último, a competición despediuse o domingo coas remudas clásicas. O equipo de Veteranos B integrado por Ángel Serto, David Casado e Iván Somoza proclamouse Campión de España nesta categoría e destacamos tamén os postos dos equipos senior de Galicia, que lograron entrar no top 10 coa sexta posición do conxunto feminino (Jennie Borgesson, Sofia Martínez, Lucía Parga) e o oitavo posto do masculino (Xoel Chamorro, Mateo Rodríguez, Martín Casado).

Coa suma dos resultados de ambos Campionatos de España (urbano e de bosque), Galicia conseguiu a sétima posición na clasificación por comunidades autónomas.

Dende a FEGADO enviamos os parabéns a tod@s @s deportistas!

Os resultados completos, así como os tracks GPS, pódense consultar neste enlace