Noticias

TRIPLE OURO PARA OS EQUIPOS GALEGOS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SELECCIÓNS AUTONÓMICAS DE RAIDS DE ORIENTACIÓN E AVENTURA

O Valle del Ambroz (Extremadura) recibiu a pasada fin de semana o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Raids de Orientación e Aventura- "VII Raid del Otoño Mágico". O evento, que foi a primeira edición do CESAR, estivo organizado polo club ALCOR e a Federación Extremeña de Orientación (FEXO).

Na categoría absoluta, o equipo Galicia Brigantia Aventura (Ángel García, Teresa Barreira, José Antonio Torviso e Juan Carlos Orozco) proclamouse campión de España, seguidos do conxunto Galicia Endurance (Juan José Sancosmed, Borja Varela, Verónica Montes e Alberto Taboada), que logrou a prata.

En veteranos, o ouro foi de novo para o equipo galego Budiñoraid Atlas (Pablo Sio, Verónica Romero, Daniel Martínez e Carlos Amil), mentres que o Galicia OP Betanzos -Fluvial Raid Team (José Manuel Nogueras, María Esther Barreira, Roberto Chas e Juan Combarro) foi terceiro.

Por último, na categoría xuvenil, o conxunto Galicia NSM (Nicolás López, Sofía Martínez e Marcos Silvarrey) proclamouse campión e o equipo Galicia ASC (Anxo Somoza, Sara Nogueras e Carlos Romero) recolleu o bronce.

Dende a FEGADO trasladamos os parabéns a todos os equipos e tamén agradecemos o traballo da vogalía de Raids de Orientación da FEGADO, iniciado por Óscar Fernández e continuado na actualidade por Manuel Pedre, que centraron os seus esforzos en tecnificar ás categorías base, asegurando o futuro dos raids en Galicia.

Os resultados completos e toda a información da proba pódense consultar neste enlace.