MÁIS DE SETENTA DEPORTISTAS DA FEGADO DÉRONSE CITA ESTA FIN DE SEMANA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE O-PÉ 2
Esta fin desemana 73 orientadores e orientadoras da FEGADO desprazáronse a Cáceres para competir no Campionato de España de O-Pé 2, que reuniu a máis de 1.200 deportistas de todo o territorio nacional.
O sábado disputáronse a distancia longa en Plasenzuela e as remudas mixtas en Trujillo, nas que estaba en xogo o título de Campión/a de España. O domingo a competición despediuse en Torremocha cunha proba de media distancia, puntuable para a Liga Española de O-pé.
Na distancia longa, Aaron Rodríguez Arenas (Club Vizhoja- Cornelios) proclamouse subcampión en M12e Eva Casado Núñez (Club O Pasatempo Betanzos) conseguiu a medalla de bronce en F16E. En M18E Mateo Rodríguez Díaz (Club Aromon de Pontevedra) tamén se proclamou subcampión e Olalla Bello Rodríguez (Club Gallaecia Raid) foi a campioa de F40. David Casado Bravo (Club O Pasatempo Betanzos) e Concepción González Bello (Club de Orientación Compás) acadaron a medalla de prata en M50 e F55, respectivamente, mentres que o ouro en F60 foi para Rosa Pernas Martínez (Club USC).
En canto ás remudas mixtas, na categoría Senior o equipo composto por María Piñeiro, Brais Piñeiro, Maikel Rodríguez e Lucía Parga conseguiu un diploma pola súa quinta posición.
Paralelamente ao Campionato de España, na distancia media do domingo Irene Morales Jiménez (ADC Limiactiva) conseguiu a medalla de bronce en F21A, Araceli Abalde Vila (Club Aromon de Pontevedra) e Olalla Bello Rodríguez (Club Gallaecia Raid) remataron en primeria posición en F35A e F40, respectivamente. En F60, a medalla de ouro foi para Rosa Mª Pernas Martínez (Club USC), mentres que Mª Margarita Balboa Barrios (Club USC) conseguiu o bronce na mesma categoría.
A próxima cita será en Huesca do 15 ao 17 de abril, no Campionato de España de O-Pé 1, onde se disputarán as remudas clásicas, o sprint e a media distancia.
Trasladamos os parabéns a todos os deportistas e agradecemos o traballo da Federación Extremeña de Orientación e do Club ALCOR pola organización do evento.
Achégase o enlace á web do evento onde se poden consultar os resultados completos e aos percorridos GPS en TracTrac.