MEDALLA DE BRONCE EN SENIOR FEMININO NAS REMUDAS DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE ORIENTACIÓN A PÉ
A localidade de Hoyo de Pinares (Ávila), acolleu esta fin de semana a segunda etapa do Campionato de España de Orientación a Pé 2023, que reuniu a máis de 1600 deportistas e estivo organizado polo Club Máximus.
A competición deu comezo o sábado 21 coa proba de DISTANCIA MEDIA, na que os nosos deportistas de elite Lucía Parga e Xoel Chamorro conseguiron entrar no Top 10 cun 7º posto, mentres que Jennie Börjesson (Club Raza Palleira) logrou a segunda posición en FE. David Casado proclamouse campión en M50 e Inma Arenas, Rosa Pernas e Mª José Naya, lograron as medallas de bronce en F50, F60 e F65, respectivamente.
Pola tarde disputouse o SPRINT no que as nosas orientadoras de elite volveron a lograr rematar entre as 10 primeiras clasificadas, coa 8ª posición de María Piñeiro, seguida por Lucía Parga e co 10º posto de Brais Piñeiro na categoría masculina. Por outra banda, Jana Albarrán e Mateo Rodríguez proclamáronse campións en F12 e en M20E e Rosa Pernas fixo o propio en F60. Os subcampións de F18E, M45 e F45 foron Sofía Martínez, Iván Somoza e Silvia Seoane, respectivamente, e Martín Morales e Concepción González tamén recolleron as medallas de prata nas categorías M50 e F55, mentres que Mª José Naya volveu a ser terceira en F65.
Finalmente, o Campionato despediuse o domingo cunhas REMUDAS CLÁSICAS históricas para a orientación galega. O equipo de senior feminino formado por Lucía Parga, Jennie Börjesson e IreneMorales logrou o bronce, conseguindo así a primeira medalla para Galicia dun equipo senior feminino nesta proba nun Campionato de España. O conxunto formado por Teresa Bellón, Laura Martínez e María Piñeiro tamén se clasificou entre o top 10 rematando en 7ª posición e en senior masculino Adrián Pérez, Xoel Chamorro, Brais Piñeiro foron 10º. Na categoría Veteranos B Masculino, Martín Morales, David Casado e IvánSomoza proclamáronse campións e a medalla de bronce en Veteranas C Feminino foi para Ana Iglesias, Concepción Bello e Begoña Crespo.
Dende a FEGADO enviamos os parabéns a todas as persoas participantes!
Os resultados completos están dispoñibles neste enlace e pódese acceder a toda a información na web do Club Máximus.