EXCELENTES RESULTADOS DOS NOSOS ORIENTADORES E ORIENTADORAS A NIVEL NACIONAL ESTA TEMPORADA
A Liga Española de Orientación 2021 chegou á súa fin o pasado 11 de decembro coa celebración do Campionato de España de Rogaine. Esta temporada os/as nosos/as orientadores/as percorreron moitos quilómetros para desprazarse a un gran número de probas por todo o territorio nacional, conseguindo moi boa posición no ranking final. A continuación, destácanse os mellores clasificados en cada disciplina.
Na Liga Española de Orientación a Pé, Lucía Parga (Club Fluvial de Lugo) conseguiu a medalla de bronce en FE e Ángel A. Serto (Club Aromon de Pontevedra) logrou a prata en M40.
En canto á Liga Española de Sprint, Sonia Gómez (Club Orientación Compás) e Ángel A. Serto (Club Aromon de Pontevedra) proclamáronse campións en F45 e M40, respectivamente.
Por outra banda, en relación á Liga Española de MTBO, Ángel García alzouse co ouro na categoría ME e Marcos Silvarrey (Club Gallaecia Raid) quedou en terceira posición en M17. Nas categorías femininas, Sofía Gómez (Club Orientación Compás) proclamouse subcampioa en F17, Sonia Gómez (Club Orientación Compás) conseguiu o ouro en F40 e Mª Ángeles García (Club UVigo) acadou a prata en F60.
Na Liga Española de UltraScore MTBO Alberto Corral (Club Fluvial de Lugo) quedou en primeria posición en MSenior, Noa Rodríguez (Club Orientación Compás) tamén conseguiu o primeiro posto en F15, seguida de Lía Rodríguez (Club Orientación Compás). En M17 Carlos Romero (Club Aromon de Pontevedra) conseguiu a medalla de bronce, mentres que a prata en M20 foi para Eloi Serantes (Club ADC Arnela) e Rodrigo I. Rodríguez (Club Orientación Compás) foi o campión en M40.
En canto á Liga Española de Raids de Aventura o podio na categoría Élite foi para tres equipos Galegos: en primeira posición o Brigantia Adventure Race, seguido do conxunto Endurance II- Club Orientación Coruña e finalmente en terceiro lugar Fluvial Lugo- Os Barbas. Os equipos Neumáticos JL - Vizhoja Cornelios, Seo Ciclos Ordes e Galicia Xuvenil conseguiron a medalla de bronce en Aventura Mixto, Aventura Masculino e Xuvenil, respectivamente.
Por último, na Liga Española de Rogaine o equipo Aromon Cota Cero proclamouse campión na categoría Absoluta Masculina, Fluvial Lugo @s Castrex@s conseguiu a segunda posición en Absoluta Mixta e Fluvial Lugo- Colmenar Orientación acadou a medalla de ouro en Veteranos Masculino. A prata en Veteranos Feminino foi para Aromon de Vagar e o conxunto Aromon-CRO logrou o bronce en Veteranos Mixto. As USC Golden Ladies foron primeiras en Superveterana Feminina e Aromon Supervetmix tamén logrou o ouro en Superveteranos Mixto, mentres que o equipo Gallaecia Team Trío Amoroso acadou a medalla de bronce en Junior Mixto.
Noraboa a todos/as e a coller forzas para a próxima temporada!
Pódense consultar os rankings completos nos enlaces adxuntos.