Noticias

Pablo Fernández e Ángel García coa Selección Española de MTBO

Os deportistas de MTBO, Pablo Fernández (Fluvial de Lugo) e Ángel García (Brigantia) participaban a semana pasada no Campionato de Europa Xuvenil e na Copa do Mundo Senior, respectivamente, en Alemaña. Ambos forman parte das Seleccións Españolas dirixidas pola tamén galega, Ana Varela.

Para Pablo Fernández era a primeira cita co conxunto nacional, mais o lugués volve á casa con excelentes resultados. Na distancia sprint recollía o mellor posto masculino do campionato para España, cunha 15ª posición. Mentres tanto, na proba de remudas finalizaba, xunto a Paula Martín e Noel Espigares, en 7º lugar. Destacar tamén os seus postos individuais nas probas de bosque, finalizando 16º na distancia media e 19º na longa.

No caso de Ángel García, o orientador do club Brigantia xa é habitual na Selección Española de MTBO. Recordamos ademais que este ano lograba a primeira medalla para España nunha competición internacional absoluta, co seu bronce no Campionato de Europa o pasado mes de xuño. Nesta última parada da Copa do Mundo Senior, García lograba a 22ª posición na distancia longa, mentres que no sprint terminaba no 30º posto. Por último, na proba de remudas, o seu equipo finalizaba 10º por países.