GUÍA SIMPLIFICADA PARA A PRÁCTICA DA ACTIVIDADE FÍSICA E DEPORTIVA
No documento que adxuntamos a esta noticia, a Secretaría Xeral para o Deporte fai un resumo de como queda afectada a práctica física e deportiva tras a publicación do DECRETO 8/2021 do 26 de xaneiro e da ORDE do 26 de xaneiro de 2021. Plantexa dous escenarios:
- Ámbito autonómico (deporte federado e non federado).
- Ámbito estatal. Vencellado ao "Protocolo de actuación para la vuelta de competiciones oficiales de ámbito estatal y carácter no profesional", aprobado polo Consejo Superior de Deportes + Protocolo de reforzo da FEDO (adxuntamos enlace ao mesmo).
O Deporte da Orientación é un deporte invidual ao aire libre, e como todos os deportes federados tamén debe aportar o seu grao de area de cara a reducir a interacción social neste momento tan complicado da pandemia.
A recomendación da FEGADO de cara aos adestramentos que poidan ter lugar durante, como mínimo, as vindeiras tres semanas é a seguinte:
- Adestra no teu concello de residencia, non saias del. Respecta os límites de mobilidade. Respecta as restriccións horarias.
- Adestra individualmente. Respecta a distancia de seguridade interpersoal. Sen contacto.
- Se precisas desprazarte en coche, faino sen compañía.
- Adestra con máscara (o exixe a lei). Protéxete e protexe aos demais.
Para determinados perfís de deportistas federados/as que compiten regularmente a nivel nacional, poderase solicitar a través do Coordinador/a Covid do seu club o correspondente CERTIFICADO DE MOBILIDADE PARA A PRÁCTICA DEPORTIVA FEDERADA. Son certificados moi específicos (ver ANEXO MODELO CERTIFICADO), que deben ser validados semanalmente pola FEGADO. Será necesario que o Coordinador/a COVID do teu club reciba os seguintes datos:
- Denominación e data da competición nacional na que se quere participar ou na que se está inscrito/a. Os adestramentos estarán vencellados á mesma.
- Lugar, data e horario de adestramento organizado, programado ou dirixido polo club.
- Causa xustificada (é imprescindible) pola que o adestramento non se pode realizar no concello de residencia, sendo necesario desprazarse sen respectar as limitacións á liberdade de circulación vixentes.
- Categorías dos/as solicitantes:
- Deportista de Alto Nivel (DAN) recoñecido polo CSD.
- Deportista Galego/a de Alto Nivel (DGAN) recoñecido pola SxD.
- Deportista federado/a participante en competición de ámbito estatal con calendario de competición aprobado para a tempada 2020/2021 (extensible tamén aos seus técnicos ou adestradores). "Só se poderá autorizar a mobilidade dos deportistas/técnicos cuxa competición se celebre nun horizonte temporal de 4 semanas, desde a data de certificación. Non obstante, de considerarse necesario e xustificarse poderá excepcionarse deste límite previa autorización da Secretaría Xeral para o Deporte".
Será responsabilidade de cada deportista, de cara a saber xustificar a excepcionalidade da práctica da actividade física e deportiva frente aos axentes da orde, coñecer o contido da "Guía simplificada das medidas preventivas para facer fronte ao risco decontaxio pola Covid-19 de aplicación ao Deporte Galego" . Os deportistas deberán acreditarse coa súa licenza federativa para a tempada 2021, xa dispoñible en formato dixital no perfil individual da plataforma SICO da FEDO.