Noticias

O EQUIPO ENDURANCE PROCLAMOUSE CAMPIÓN DE ESPAÑA DE RAIDS DE AVENTURA NA CATEGORÍA ELITE A PASADA FIN DE SEMANA EN PONTEVEDRA

A pasada fin de semana a provincia de Pontevedra acolleu o Campionato de España de Raid de Orientación e Aventura, que estivo ao cargo do Club Aromon de Pontevedra e foi tamén a primeira proba da tempada da Liga Española e a segunda proba da Liga Galega desta modalidade.

Un total de 40 equipos de todo o territorio nacional competiron neste CER2025, completando un percorrido de case 200 km e 5000 metros de desnivel positivo que as categorías superiores debían completar nun tempo máximo de 24 horas non-stop. Dito percorrido contou con seccións de BTT, trekking, kaiak e un rápel. A proba deu comezo o sábado 10 na Illa de Arousa e percorreu os Concellos pontevedreses de Vilagarcía de Arousa e Moraña para rematar en Caldas de Reis o domingo 11.

Na categoría élite, o equipo Endurance (Borja Varela, Saleta Castro e Juan José Sancosmed) proclamouse Campión de España, tras máis de 23 horas de carreira, seguido do conxunto Gallaecia Raid Keltoi (Felipe Peña, Verónica Montes e Yago Breijo), mentres que o equipo Saltamontes (Marcos Muíño, Marta González, José Manuel Rivas) logrou a terceira posición.

Na categoría aventura mixta, O Pasatempo AvMix (David Casado, Olalla Bello e Francisco López Costoya) foi o novo Campión de España; o BudiñoRaid Sumipor (Pablo Sio, Daniel Martínez, Maria Teresa Iglesias) o subcampión e a medalla de bronce recolleuna o conxunto Talleres Mingos - Repuestos Ojea Vizhoja Cornelios (Isaac Rodríguez, Pili Paredes, Alberto Otero).

En canto aos resultados a nivel nacional do resto de categorías oficiais, destacamos a primeira posición do equipo Pasatempo Gallaecia (Martín Casado, Anxo Somoza e Sara Nogueras) na categoría xuvenil e o segundo e terceiro postos dos equipos BudiñoRaid Atlas (Víctor Mouriño, Daniel Adam Mckay Castro) e Montebreamo Audiomovil (Eladio Arias, Francisco Abeal e Ruben Tenreiro), respectivamente, na categoría aventura masculina.

Dende a FEGADO trasladamos os parabéns a todos os participantes e tamén ao Club Aromon de Pontevedra por todo o traballo e esforzo adicados á organización deste evento de gran calidade, que permitiu aos participantes desfrutar duns percorridos técnicos nos que a estratexia foi unha ferramenta fundamental.

Os resultados completos e todas as imaxes están dispoñibles neste enlace.