Noticias

EXCELENTES RESULTADOS D@S DEPORTISTAS DA FEGADO NO CAMPIONATO IBÉRICO DE MTBO ESTA FIN DE SEMANA

Portugal acolleu esta fin de semana o Campionato Ibérico de MTBO 2024 - CIMPOR Bairrada "O" Meeting. A proba celebrouse en Coímbra e estivo organizada polo club CAB (Clube de Aventura da Bairrada).

O sábado 4 disputouse o Campionato Ibérico de Sprint, no que Lía Rodríguez (Club de Orientación Compás) e Sara Nogueras (Club Fluvial de Lugo) recolleron o ouro en D15 e D17, Anxo Somoza (Club Gallaecia Raid) fixo o propio en H17 e Mario López (Club O Pasatempo Betanzos) logrou o bronce nesta categoría. Nicolás López (Club Orientación Compás) proclamouse campión en H20, seguido de Marcos Silvarrey (Club Gallaecia Raid) e Sofía Martínez (Club Orientación Compás) tamén foi subcampioa en D20. Por outra banda, David Casado (Club O Pasatempo Betanzos) e Francisco Varela (Club Orientación Compás) foron primeiros en H50 e H60 e o bronce en H60 foi para Josep Selga (Raza Palleira). Tania López (Xesteiras) e Alicia Pérez (Raza Palleira) proclamáronse campioa e subcampioa de D40, mentres que en D50 o primeiro posto foi para Sonia Gómez (Club Orientación Compás) e o terceiro para Fernanda Follana (Club Fluvial de Lugo).

O domingo coronáronse os campións e campioas de longa distancia. Mar Delgado (Club O Pasatempo Betanzos) proclamouse campioa en DE, Lía Rodríguez conseguiu de novo o ouro en D15 e Noa Rodríguez (Club Orientación Compás) e Sara Nogueras remataron segunda e terceira en D17, respectivamente. Anxo Somoza e Sofía Martínez foron os campións de H17 e D20, mentres que na categoría masculina o ouro conseguiuno de novo Nicolás López e a terceira posición Marcos Silvarrey. En H40, Rodrigo Rodríguez (Club Orientación Compás) proclamouse subcampión, David Casado foi 1º en H50 e Roberto Chas (Club O Pasatempo Betanzos) o 3º desta categoría. En H60 Francisco Varela recolleu o ouro, mentres que Tania López e Alicia Pérez repetiron 1º e 2º posto en D40 e Sonia Gómez e Fernanda Follana lograron o ouro e a prata en D50.

A fin de semana completouse cunha proba de media distancia o sábado, non puntuable para o campionato. Nesta ocasión, Mar Delgado conseguiu de novo o ouro en DE, Lía Rodríguez foi 1ª en D15 e Noa Rodríguez e Sofía Martínez segundas en D17 e D20. Nicolás López acadou o terceiro ouro da fin de semana en H20 e Marcos Silvarrey recolleu o bronce. Rodrigo Rodríguez, Enrique Álvarez (Club Gallaecia Raid) e Francisco Varela foron primeiros en H40, H50 e H60; mentres que o segundo de H50 foi David Casado. En D40, Alicia Pérez logrou a primeira posición, seguida de Tania López, e en D50 o podium completárono Sonia Gómez, Paulina Mosquera (Club Gallaecia Raid) e Fernanda Follana.

En canto á clasificación por clubs, o Club de Orientación Compás conseguiu a segunda posición coa suma dos resultados dos tres eventos.

Dende a FEGADO trasladamos os parabéns a tod@s @s deportistas!

Os resulados completos están dispoñibles neste enlace.