MATEO RODRÍGUEZ, UN DOS TRES BENEFICIARIOS DAS AXUDAS A DEPORTISTAS UNIVERSITARIOS DE ELITE DA UVIGO
A Universidade de Vigo impulsou neste curso unha convocatoria de axudas para apoiar a deportistas universitarios de elite na preparación de competicións internacionais oficiais. O obxectivo desta convocatoria é apoiar ás persoas universitarias que durante o 2024 opten a participar en campionatos mundiais universitarios ou en competicións europeas e mundiais no ámbito do deporte federado.
O noso orientador Mateo Rodríguez, deportista do Club Aromon de Pontevedra e estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte na UVigo, foi un dos tres deportistas seleccionados que se beneficiaron destas axudas, en recoñecemento aos seus logros deportivos en orientación a pé durante os anos 2022 e 2023 e tamén ao seu proxecto deportivo deste 2024.
Mateo afronta esta tempada co principal obxectivo de clasificarse para o Campionato do Mundo Júnior de Orientación a Pé (JWOC), así como de rematar entre os tres primeiros clasificados nas tres probas (longa, media e sprint) do Campionato de España e no ránking da liga española 2024, compaxinando os adestramentos e as competicións cos seus estudos.
Cabe destacar que Mateo xa forma parte dos cinco deportistas integrantes do grupo de tecnificación Junior da Federación Española de Orientación, que conta cun seguimento especial por parte da Dirección Técnica da FEDO.
Dende a FEGADO trasladamos os parabéns a Mateo por este recoñecemento e desexámoslle moita sorte para esta tempada 2024!