Noticias

A SxD valida o novo PROTOCOLO FISICOVID FEGADO

Temos boas novas para a familia da orientación galega.

A Secretaría Xeral para O deporte (SxD) ven de validar o noso novo Protocolo FISICOVID FEGADO que nos habilita para a volta á actividade deportiva federada de ámbito autonómico. É un protocolo adaptado a unha metodoloxía denominada FISICOVID-DXTGALEGO (Ferramenta de Identificación de Situacións de Contaxio no Deporte Galego) deseñada e coordinada pola propia SxD.

Fases e especialidades. Nesta primeira fase, estamos autorizados para retomar tres das nosas cinco especialidades: O-Pé bosque e MTBO (adestramentos e competición) e TRAIL-O (competición). Nunha segunda fase (seguramente de aquí a 15 días) habemos de solicitar a ampliación ás especialidades de RAID e O-Pé urbana.


Unha ferramenta para unha práctica deportiva federada máis segura. O noso novo protocolo non deixa de ser unha ferramenta en papel. É unha boa ferramenta, pero como tal, necesita de dúas mans para que funcione correctamente: necesita da man de clubs organizadores responsables, e tamén da man das conductas individuais e exemplarizantes de deportistas e acompañantes.


TRANSPARENCIA + COVID-19. Xa está operativa unha nova pestana COVID-19 na sección TRANSPARENCIA da web da FEGADO. Aquí estará toda a información: (PROTOCOLO COMPLETO e as súas TÁBOAS). Iremos mellorando e actualizando.

Todo está nas TÁBOAS. Como tal ferramenta, o Protocolo busca identificar os riscos e propoñer medidas para previr e reducir o risco de contaxio antes, durante e despois da práctica deportiva. A metodoloxía ofrece respostas a un mínimo de 108 preguntas respecto á práctica deportiva nos adestramentos, e outras 108 preguntas respecto á competición. E iso para cada unha das 5 especialidades deportivas. O resultado son unha serie de táboas interminables con máis de 1000 liñas de información. Esas táboas son base para elaborar o documento de texto e as infografías. Están publicadas para a súa consulta.


Ninguén le un protocolo. A lectura do protocolo é obrigada para todos os estamentos federativos (clubs deportivos e seccións deportivas, deportistas-orientadores, xuíces controladores e técnicos-adestradores). Contaban nunha das últimas reunión entre federacións, e non sen razón, que ninguén le os protocolos. Son documentos densos e repetitivos que resultan nunha difícil lectura.

O documento adxunto Notas para UNHA LECTURA EXPRESS [ver adxuntos á noticia] ofrece pautas para unha lectura guiada e simplificada do documento. Tamén extraemos do protocolo unha serie de INFOGRAFÍAS [ver tamén en adxuntos á noticia; O-PÉ, MTBO e TRAIL-O] de cada unha das especialidades validadas, que nos darán unha información moi visual de como debemos entender unha competición adaptada ao novo formato FISICOVID FEGADO. Todo é extrapolable aos adestramentos, simplemente escalando as medidas e aplicando o principio de proporcionalidade ao número de asistentes, recursos do club organizador, tipo de actividade, etc.).


Declaracións responsables DEPORTISTAS e STAFF. Para cada actividade deportiva será necesaria a firma dunha DECLARACIÓN RESPONSABLE DE PARTICIPACIÓN NA ACTIVIDADE por parte de deportistas e tamén do staff propio que participe na organización (ANEXO I do Protocolo).

Declaración responsable de CLUBS. Os clubs tamén cumplimentarán unha DECLARACIÓN RESPONSABLE DE CLUBS ORGANIZADORES E ENTIDADES INTEGRADAS NA FEDERACIÓN GALEGA DE ORIENTACIÓN coa que acusarán recibo da recepción, lectura e difusión do protocolo á vez que designarán un Coordinador COVID de CLUB (ANEXO III do Protocolo).