EXCELENTES RESULTADOS PARA A SELECCIÓN GALEGA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SPRINT E REMUDAS MIXTAS
Guadix (Granada) acolleu a pasada fin de semana o Campionato de España de Sprint e Remudas Mixtas (CEOP 2024), que reuniu a máis de 900 deportistas de todo o territorio nacional e estivo baixo a organización do club Veleta.
A distancia sprint disputouse o sábado pola tarde. Silvia Seoane (Club Gallaecia Raid), proclamouse campioa de españa en F45. Alicia Pérez (Club Raza Palleira), Sara Nogueras (Club Fluvial de Lugo) e Concepción González (Club Orientación Compás) recolleron as medallas de prata en F40, F16 e F55, respectivamente; mentres que Jana Albarrán, Iván Somoza (ambos do Club Gallaecia Raid) e Rosa María Pernas (Club USC) foron terceiros en F14, M35A e F60.
Nas remudas mixtas celebradas o domingo, o equipo Senior integrado por Lucía Parga, Nicolás López, Mateo Rodríguez e Jennie Börjesson conseguiu un diploma polo seu quinto posto, mentres que o outro equipo senior galego formado por Teresa Bellón, Xoel Chamorro, Brais Piñeiro e Laura Garrido, tamén entrou no top 10 ao rematar en novena posición. Por outra banda, na categoría Junior o conxunto integrado por Carla Somoza, Martín Casado, Anxo Somoza e Sara Nogueras foron cuartos e en Veteranos B o ouro foi para Silvia Seoane, Ángel Albarrán, Iván Somoza, Concepción González.
Paralelamente ao Campionato de España, o sábado pola mañá celebrouse unha proba de distancia media puntuable para a Liga Española. Nesta proba, Rosa Mª Pernas (Club USC) e Pedro Parga (Club Fluvial de Lugo) foron primeiros en F60 e en M65; mentres que Jennie Börjesson (Club Raza Palleira) logrou o bronce en FE e Fermina Fernández (Club Fluvial de Lugo) tamén foi terceira en F65.
As probas foron retransmitidas en directo na canle de YouTube de la FEDO. As tres probas tamén contaron con seguimento GPS e os resultados completos pódense consultar aquí.
A segunda fase do Campionato de España disputarase do 1 ao 3 de novembro na provincia de Ciudad Real e incluirá as probas de media, longa e remudas clásicas.