Noticias

Novo espazo na nosa WEB con información sobre o acceso aos ALTOS NIVEIS DEPORTIVOS autonómicos

A pasada proba de O-pé disputada en Goente (As Pontes de García Rodríguez) ven de recordarnos que tanto Federación, coma clubs e orientadores/as debemos dar o máximo apoio ás persoas deportistas que están a competir nas categorías absolutas: élite e feminino élite.

O Club de Orientación Liceo tamén marcou o camiño a seguir ás futuras organizacións: debemos traballar para aumentar a visibilidade, acercar as probas a onde está a xente, centros de competición máis atractivos e mellorar a atmósfera e a emoción poñendo a saída e a meta no centro. Todo isto (e máis) o recollen o nosos regulamentos no esquecido, pero importantísimo, ANEXO Convención de Leibnitz que loita polo recoñecemento da modalidade da orientación como deporte olímpico.

Continuando por esa liña, abrimos a pestana DEPORTISTAS DE ALTO NIVEL na sección TRANSPARENCIA que recolle información de interese sobre os criterios técnico-deportivos esixidos ás persoas deportistas para acadar o recoñecemento autonómico no alto nivel deportivo. Está orientado exclusivamente a persoas deportistas galegas individuais ou membros de equipos que compiten en categoría absoluta, categoría previa á absoluta ou categorías anteriores á previa á absoluta.

A principal vía de acceso ao recoñecemento autonómico da condición de deportista de alto nivel (DAN), deportista de de alto rendemento deportivo (DAR) ou de deportista de rendemento deportivo de base (DRDB), establécese polo posto obtido nos Campionatos de España. Lóxicamente tamén hai vías de acceso polo posto ou por participar en Campionatos de Europa e Campionatos do Mundo.

Por ser unha modalidade deportiva non olímpica, ao requisito dun determinado posto engádese a esixencia dun número mínimo de deportistas individuais ou equipos participantes.

Animámosvos a que cursedes as solicitudes que están dispoñibles na sede electrónica da Xunta a través do procedemento PR948A [máis info na ligazón].

Enviade as vosas dúbidas á conta de correo fegado.direcciontecnica@gmail.com, mesmo se necesitades a certificación de datos da federación deportiva ou o certificado federativo da pertenza da persoa solicitante ao equipo.