Noticias

O 10MILA, A RAÍÑA DAS COMPETICIÓNS DE REMUDAS DE ORIENTACIÓN, CONTOU ESTE ANO COA PARTICIPACIÓN DE TRES DEPORTISTAS GALEGOS

A pasada noite do sábado celebrouse o 10MILA, unha das probas de remudas máis importantes de orientación a pé a nivel internacional, que reúne en Suecia dende hai décadas aos mellores orientadores e orientadoras de todo o mundo.

Este 2024 disputouse en Nynäshamn, ao sur de Estocolmo, e contou coa participación de 317 equipos masculinos e 275 femininos, integrados cada un deles por 10 e 6 postas, respectivamente. A saída dos equipos masculinos foi ás 17:30, mentres que os femininos comezaron ás 21:30, desenvolvéndose a maior parte da competición pola noite.

Nesta edición, tres deportistas da FEGADO formaron parte de equipos suecos: Brais Piñeiro (Raza Palleira) foi a 10ª posta do equipo Snättringe SK, Xoel Chamorro (Raza Palleira) tamén foi o 10º do conxunto Malungs OK 2 e Lucía Parga (Club Aromon de Pontevedra) foi a 3ª deportista do equipo Snättringe SK 2.

Destacamos a 39ª posición do equipo de Brais Piñeiro Snättringe SK, o resto de resultados pódense consultar neste enlace.