Noticias

FINALIZAN OS 5 DÍAS DE ESPAÑA- XVI TROFEO QUIJOTES

O pasado 29 de agosto finalizaron os 5 Días de España- XIV Trofeo Quijotes, que se celebraron na Serranía de Cuenca e contaron coa participación de 85 orientadores/as da FEGADO.

O martes 24 disputouse a primeira proba de distancia media na localidade de Carrascosa de la Sierra, nun mapa moi técnico con numerosos elementos rochosos. Ao día seguinte os nosos orientadores/as competiron en Muela de Marojales, onde se celebrou unha proba de longa distancia nun terreo que tamén contaba con abundantes rochas. O día 26 Cañamares e Carrascosa de la Sierra acolleron a cuarta e quinta etapas do trofeo, que consistían en dous sprint de bosque. O sábado disputouse outra proba de media diatancia en Cueva del Hierro, puntuable para o ranking mundial (WRE), e finalmente o domingo 29 a competición chegaba á súa fin cunha proba de distancia longa en Fresneda de la Sierra.

Sumando as 6 carreiras podemos citar aos seguintes galeg@s entre os 5 primeiros postos de cada categoría: Xián Novoa (Club Aromon de Pontevedra) 4° en M16E, Mateo Rodríguez (Club Aromon de Pontevedra) 3° en M18E, Ángel A. Serto (Club Aromon de Pontevedra) 1° en M40, David Casado (Club O Pasatempo Betanzos) 3° en M45, María Piñeiro (Club SM Ártabros) 4° en F20E, Araceli Abalde (Club Aromon de Pontevedra) 3° en F35A e Rosa María Pernas (Club USC) 4° en F55.

Dende a FEGADO enviamos os parabéns a tod@s @s participantes e agradecemos o traballo realizado polos organizadores.


Podedes consultar os resultados completos, percorridos GPS e máis información na web do evento.