MÁIS DE 300 DEPORTISTAS PARTICIPARON NO CAMPIONATO DE ESPAÑA ESCOLAR DE SELECCIÓNS AUTONÓMICAS
A localidade de Portillo (Valladolid) recibiu estes días o Campionato de España Escolar de Seleccións Autonómicas (CESA) de Orientación a Pé. A proba estivo organizada polo Club Deportivo Portillo e a Federación de Orientación de Castela e León.
Os orientadores e orientadoras máis novos da FEGADO, integrantes da Selección Galega, formaron parte dos máis de 300 deportistas infantís, cadetes e xuvenís que participaron nas cinco probas deste evento: media, sprint, longa, trail-o e remudas mixtas.
Na distancia sprint disputada o venres pola tarde na localidade de Olmedo, destacamos a 6ª posición de Jana Albarrán en Infantil Feminino e o 5º posto de Sara Nogueras en Cadete Feminino. O sábado celebrouse a distancia longa, na que Jana Albarrán e Sara Nogueras repetiron top 10, ambas cunha 9ª posición en Infantil e Cadete Feminino, respectivamente. Martín Casado tamén foi 9º en Cadete Masculino e Eva Casado 10ª en Xuvenil Feminino. Nas remudas mixtas o equipo integrado por Eva Casado, Anxo Somoza, Diego Silvarrey e Julia Pérez acadou o décimo posto na categoría Xuvenil.
En canto a clasificación por comunidades autónomas, Galicia entrou no top 10 nas categorías Infantil e Xuvenil, cun noveno e un sétimo posto, respectivamente, mentres que en Cadete situámonos en undécima posición.
Os resultados completos están dispoñibles aquí e a retransmisión en directo das probas pódese ver de novo na canle de YouTube da FEDO.
Trasladamos a noraboa a tod@s @s nos@s deportistas, que fixeron un grande traballo estes días de competición e agradecemos tamén o esforzo dos monitores da FEGADO que os acompañaron.