CAMPIONATO DE ESPAÑA DE ORIENTACIÓN A PÉ HISTÓRICO PARA GALICIA
Máis de 1500 orientadores e orientadoras de todo o territorio nacional déronse cita esta ponte na localidade de Puebla de Don Rodrigo (Ciudad Real), escenario da segunda fase do Campionato de España de Orientación a Pé, que incluiu as probas de longa distancia, remudas clásicas e media distancia e estivo ao cargo do Club Manzanares Orientación e a FECAMADO.
O evento deu comezo o venres 1 de novembro coa longa distancia, na que o noso orientador Brais Piñeiro (Club Raza Palleira) conseguiu un diploma pola súa 5ª posición en Elite e Xoel Chamorro (tamén do Club Raza Palleira) logrou asimesmo entrar no top 10 nesta categoría. Por outra banda, Ángel Álvarez Serto (Club Aromon de Pontevedra) e Fermina Fernández (Club Fluvial de Lugo) proclamáronse campións nas súas categorías, M40 e F65, respectivamente, e Adrián Moreira (Club Aromon de Pontevedra) tamén foi primeiro en M21A. En F55 a subcampioa foi Concepción González (Club de Orientación Compás). As medallas de bronce nas categorías M20E, M40 e F60 foron recollidas por Mateo Rodríguez (Club Aromon de Pontevedra), Martín Morales (AD Limiactiva) e Rosa Mª Pernas (Club USC).
O sábado disputáronse unhas remudas clásicas históricas para a orientación en Galicia, pois o equipo formado por Adrián Moreira, Xoel Chamorro e Brais Piñeiro conseguiu a medalla de bronce en Senior Masculino, igualando o resultado obtido por Tito Arufe, David Casado e Fran Fidalgo no Campionato de España de Sevilla de 1998 na mesma categoría. Ademais, o conxunto integrado por Lucía Parga, María Piñeiro e Jennie Börgesson tamén conseguiu un diploma pola súa 5ª posición en Senior Feminino. Pola súa banda, Rosa Mª Pernas, Mª José Naya e Fermina Fernández proclamáronse Campioas de España en Veteranas D Feminino e David Casado, Martín Morales e Iván Somoza Subcampións en Veteranos B Masculino. Finalmente, o equipo Junior Masculino integrado por Mateo Rodríguez, Marcos Silvarrey e Anxo Somoza conseguiu a medalla de bronce, ao igual que Begoña Crespo, Concepción González e Ana Iglesias en VeteranasC Feminino.
O Campionato despediuse o domingo coa distancia media, onde Lucía Parga (Club Aromon de Pontevedra) recolleu o seu segundo diploma por ser 5ª en Elite Feminino e Xoel Chamorro repetiu top 10 en Elite Masculino ao rematar en 8º posto. Rosa Mª Pernas (Club USC) neste caso conseguiu a prata en F60 e Sira Rodríguez, Mateo Rodríguez (ambos do Club Aromon de Pontevedra), Mª José Naya (Club Orientación Liceo), Martín Morales (AD Limiactiva) e David Casado (Club O Pasatempo Betanzos) foron terceiros en F12, M20E, F65, M40 e M50, respectivamente.
Cos resultados obtidos polos noso deportistas, Galicia conseguiu a sexta posición na clasificación por Comunidades Autónomas.
Dende a FEGADO trasladamos os parabéns a tod@s!
Os resultados completos, así como a posibilidade de ver de novo os percorridos GPS e a retransmisión na canle de YouTube da FEDO están dispoñibles neste enlace.