Noticias

Sexto Triunfo da FEGADO no Campionato de España de MTBO

Galicia regresa do Campionato de España de MTBO 2020 co seu sexto triunfo consecutivo nesta competición. A competición, a primeira en España tras o parón por mor da COVID-19, celebrouse en Alborea (Albacete), grazas á organización do BMT Casas de Ves e da Federación de Castela-A Mancha. Antes de enumerar os éxitos galegos nesta proba, queremos agradecer o triunfo das medidas sanitarias postas en marcha pola Federación Nacional e mais os organizadores da proba, amosando que a orientación pode ser practicada nun contexto seguro.

Na proba media, celebrada o sábado pola mañá, Javier López (Fluvial) recollía o ouro en M17, Marcos Silvarrey (Gallaecia) o bronce en M15, Ángel García (Élite) subía ao terceiro escalón do podio, Manuel Antonio Piñeiro (Arnela) levaba a prata en M40, Eva Casado (OPBZ) o ouro en F15, Mar Delgado (Élite) lograba o bronce e Sonia Gómez (Fluvial) achegaba a medalla de prata en F40.

Na distancia longa, Javier López (Fluvial) repetía o triunfo en M17, Pablo Fernández (Fluvial) accedía ao bronce en M20, Ángel García (Élite) subía un escalón do podio respecto ao sábado e lograba a medalla de prata, Juan Combarro (Fluvial) recollía a prata en M40 mentres que o seu compañeiro de club, Pedro Parga, alcanzaba o bronce en M60. En feminino, Eva Casado (OPBZ) lograba o bronce en F15 e Sofía Martínez (Fluvial) facía o mesmo en F17; mentres que Mar Delgado (OPBZ) recollía a medalla de bronce igual que na distancia media. por último, Sonia Gómez (Fluvial) lograba o ouro en F40.

Ademais, o club Fluvial de Lugo, un dos máximos medallistas no campionato, traía de volta tamén o triunfo por clubs do campionato. Por último, a proba media foi retransmitida por LaLigaSportsTv, unha emisión que se pode volver a ver de forma gratuita na súa web.