Noticias

O EQUIPO KELTOI CONSEGUE A 17ª POSICIÓN NO CAMPIONATO DO MUNDO DE RAIDS DE AVENTURA EN CÓRCEGA

A illa francesa de Córcega acolleu, entre o 27 de setembro eo 10 de outubro, o Campionato do Mundo de Raids de Aventura (ARWC 2026), unha das competicións máis esixentes do calendario internacional, na que participaron arredor dun cento de equipos procedentes de máis de 30 países.

As persoas participantes enfrontáronse a un percorrido non-stop de máis de 500 km e 16000 metros de desnivel positivo, distribuídos en diferentes seccións que combinaron trekking, bicicleta de montaña (BTT), packraft, kaiak, barranquismo e probas especiais de cordas.

A dureza do percorrido e a esixencia física e mental da competición quedaron reflectidas nos tempos de carreira: os primeiros equipos cruzaron a liña de meta tras máis de 150 horas de carreira, mentres que últimos deportistas en lograr completar todo o percorrido precisaron máis de 8 días.

Presenza galega no Mundial

Varios deportistas da FEGADO participaron nesta cita internacional formando parte de diferentes equipos. O Endurance contou coa participación de Borja Varela e Juan José Sancosmed, xunto con Mariana Pontes e Guillaume Habouzit. Pola súa banda, Budiñoraid SEO estivo integrado por Carlos Amil, Víctor Manuel Mouriño, José Ángel Morlán e Micaela López. Finalmente, Keltoi competiu con Felipe Peña e Marcos Varela, acompañados por Mónica Aguilera e Juan Carlos Vázquez.

Destacamos a actuación do equipo Keltoi, que acadou a 17ª posición tras completar o percorrido íntegro nun tempo de 195 horas e 5 minutos. Pola súa banda, os equipos Endurance e Budiñoraid SEO tiveron que abandonar a proba antes de completar todo o percorrido.

Desde a FEGADO queremos trasladar os nosos parabéns a todos os deportistas participantes neste Campionato!